Vostede está aquí: Inicio Acceso Novas de interese para a xuventude
Novas de interese  para a xuventude

Novas de interese para a xuventude (3)

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.

Convócase  a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2016, nas modalidades de Ciencias e tecnoloxía e Humanidades e ciencias sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

1. Condicións das persoas aspirantes.

1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2016.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2015/16.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.

 O prazo de presentación será entre o 18 de febreiro e o 3 de marzo de 2016.

Ver orde

 

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

Condicións das persoas aspirantes

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, apartado 5 da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).

4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2015/16 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

5. O alumnado matriculado durante o curso 2015/16 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

. Os prazos de matrícula serán:

– Convocatoria de maio: do 7 de marzo ao 18 de marzo de 2016, ambos os dous incluídos.

– Convocatoria de setembro: do 1 de xullo ao 8 de xullo de 2016, ambos os dous incluídos.

As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 27 de maio e 8 de setembro para as respectivas convocatorias.

Ver Orde

 

  • Orde do 13 de xaneiro de 2016 pola que se fan públicos os anexos da Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 15 do 25 de xaneiro de 2016).
  • Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 248 do 30 de decembro de 2015).

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos programas de incentivos a contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través dos seguintes programas:

a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido.

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde .

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e Unións Temporais de Empresas deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de Unións Temporais de Empresas cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos esixidos para acceder ás axudas.

A efectos desta orde enténdese por persoa moza inscrita no sistema nacional de garantía xuvenil: aquela persoa que estea inscrita no ficheiro do Sistema de Nacional de Garantía Xuvenil, sempre que no momento da inscrición tivera menos de 30 anos, de conformidade co disposto nos artigos 90 e 91 da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. E aquela persoa moza que superando a idade esixida non fora atendida previamente de acordo co disposto no artigo 101.4 da Lei 18/2014, do 15 de outubro. Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, deberán manter o cumprimento do requisito de non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da contratación obxecto de subvención.

A persoa moza pola que se solicita a subvención debe estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregada na data da súa contratación indefinida e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da contratación.

Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que no mes anterior á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

A xornada da contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser como mínimo do 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada máxima legal.

As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil comezará o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2016.

 Ver Orde do 29 de decembro do 2015

Ver Orde do 13 de xaneiro onde se publican os anexos da Orde do 29 de decembro do 2015

Garantia xuvenil

Barrio da Portela, S/N 27163
O Corgo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 302 100
Fax: 982 302 068  
concello.ocorgo@eidolocal.es

Conéctate