admin 26 de Maio de 2022 0

O CORGO PROTAGONISTA DA REVISTA LVCENSIA.

O Concello do Corgo e o seu recentemente publicado Adiviñanceiro tradicional foron onte os protagonistas da presentación do número 64 da prestixiosa Revista Lvcensia, editada pola Biblioteca do Seminario Diocesano. No acto público, que congregou a unha numerosa asistencia na Aula Magna, o convidado de honra, nesta ocasión, foi o Proxecto CORGORAL, como exemplo de boas prácticas e implementación de metodoloxías participativas na recolla do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Na presentación oficial do Adiviñanceiro tradicional do Corgo na bimilenaria cidade amurallada, o responsable do Proxecto CORGORAL explicou aos presentes todo o proceso de recollas, que contou coa axuda de numerosas persoas e institucións, entre os que sinalou ao cronista oficial, o Sr. D. Jesús Abuín Arias e ao alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe do Corgo e do CPI “Ramón Piñeiro”.

Tamén se deu a coñecer a recente inauguración da biblioteca do Punto de Atención á Lectura, a presentación de libros, concerto musical e recital poético desenvolvidos co gallo do Día das Letras e a edición en vindeiras datas do Refraneiro popular do Corgo, agora en fase de preparación.

ADIVIÑANCEIRO TRADICIONAL DO CORGO