Semana da cultura e das LETRAS GALEGAS.
O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e do Punto de Atención á Lectura – PALCO, conmemora a Semana das Letras Galegas con numerosas actividades:
O martes 16, ás 17:00h, terá lugar a presentación pública na biblioteca do PALCO da Antoloxía poética ÉPICO no PALCO 2023, que reúne medio cento de composicións dos recoñecidos autores Alberte Momán, Albino Matos, Ánxela Gracián, Carlos d’Abreu, Eugenia Sanmartín, Helena Almeida, Inocencia Montes, J. C. Valle “Karlotti”, Manuela Vidal, Montse Villar e Xerardo Quintiá.
O mércores 17, o Proxecto CORGORAL traspasará os lindes municipais para divulgar no veciño concello de Láncara os obxectivos, os métodos e os resultados preliminares desta ambiciosa recolla da Literatura Popular de Tradición Oral e do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués.
O xoves 18, a partir das 17:00, celebrarase na biblioteca do PALCO a Festa do Libro e da Literatura, aberta a todos os públicos e moi especialmente á comunidade escolar (PAI-CEIP-CPI). Todas as persoas presentes poderán levar de agasallo dous exemplares dos que escollan entre os varios centos que estarán á libre disposición dos visitantes.