Consulta previa á elaboración dun anteproxecto de regulamento do uso de vías e pistas forestais de dominio público municipal.
De conformidade co establecido no Art. 133 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, con carácter previo á elaboración dun regulamento de uso de vías e pistas, ámbalas dúas forestais, de dominio público, ábrese un trámite no portal web do concello, co fin de que as persoas en xeral e os suxeitos e/ou organizacións ou asociacións máis representativas que poidan estar afectadas pola futura regulación, poidan aportar as ideas ou opinións que consideren oportunas, durante un prazo de un mes a contar desde a exposición deste anuncio na páxima web.
a) Coa elaboración dun regulamento do uso de vías e pistas forestais de dominio público municipal preténdese solucionar os problemas derivados especialmente do transporte pesado sobre as vías e pistas de dominio público, en especial o derivado das cortas de madeira.
b) Na actualidade existen numerosas queixas do estado en que quedan as pistas e vías forestais públicas polas que se transporta a mercancía, especialmente a madeira. Os traballos de preparación, extración e transporte producen danos nas citadas vías de comunicación, que se poden evitar si se regula un uso axeitado delas.
c) A regulación do uso en vías e pistas forestais é necesaria para evitar ou minimizar os danos nas mesmas como consecuencia dos referidos transportes, sendo oportuna a súa aprobación para evitar un deterioro das mesmas.
d) Como posible medidas regulativas pódense citar: o establecemento de avales que garantan os posibles danos sobre as vías, o establecemento e imposición mediante a correspondente ordenanza fiscal dunha taxa por uso de bens de dominio público, o establecemento e regulación do peso máximo autorizado para circular polas vías e pistas de dominio público forestal ou a comunicación previa do uso da vía ou pista forestal para transporte de madeira cortada, que é a menos gravosa de todas as citadas anteriormente.
Todas as opinións e ideas deberán entregarse no Rexistro do Concello do Corgo.
O Corgo, 6 de febreiro de 2018