NOVO PREMIO PARA A BIBLIOTECA DO CORGO
A biblioteca do PALCO (Punto de Atención á Lectura do Corgo), creada grazas ao Proxecto CORGORAL, acaba de recibir un novo recoñecemento público ao seu mérito e bo facer. Desta volta foi o IES Xograr Afonso de Sarria quen designou ao PALCO como “honorable biblioembaixada” de iure e ab aeterno, o cal quere dicir que mereceu esta distinción “xustamente” e “para sempre” pola “utilidade social para crear un novo espazo cultural de sociabilidade comunitaria”. Asemade, o PALCO foi definido como “un proxecto modélico onde mirarse e aprender”.
Xa con anterioridade, a iniciativa cultural de crear un Punto de Atención á Lectura no Corgo tiña sido loada por institucións de recoñecido prestixio, como son os casos da Real Academia Galega, do Museo do Pobo Galego, do Centro para a Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro e da Real Academia Galega de Belas Artes.
Desde o Concello do Corgo e o Proxecto CORGORAL sentimos un enorme orgullo por termos recibido esta distinción e queremos manifestar o noso agradecemento a todas estas institucións, que cos seus parabéns e co seu alento nos animan a seguir traballando día a día para facer mais doado o acceso á cultura e aos libros na nosa comunidade.