INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DO CORGO.
O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, inaugurou o pasado sábado 23 de Abril a Biblioteca do Punto de Atención á Lectura. O acto tivo lugar na Antiga Escola e contou coa presenza de numeroso público, entre o cal se atopaban Jesús Abuín, cronista oficial do Corgo, e Benedicta Sánchez, coñecida actriz local honrada pola Xunta de Galicia coa medalla Castelao.
Para celebrar o Día Mundial do Libro, o concello corgués e a Asociación Cultural Arumes ofreceron un lote de libros a cada unha das persoas que asistiu, ao tempo que se celebrou un recital de poesía a cargo de Alberte Momán. O grupo de música tradicional A Legua Dereita, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario, interpretou tres pezas do seu repertorio: a rumba de Darío, a muiñeira de Curuxeiras e a xota de Murias de Rao.
A posta en funcionamento da Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo está a ser posible grazas ás xenerosas e desinteresadas doazóns de publicacións ofrecidas por diferentes particulares e institucións. Todas aquelas persoas que desexen coñecer os seus fondos bibliográficos, realizar consultas ou levar emprestado algún libro poderán facelo a través do servizo de cita previa, chamando ao concello ou enviando un correo electrónico a proxecto.corgoral@gmail.com


