RECITAL DE POESÍA A CARGO DE ÁNXELA GRACIÁN

O Proxecto CORGORAL organiza o vindeiro venres 10 de Novembro unha velada poética a partir das 19:00h no PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo. O recital correrá a cargo da escritora Ánxela Gracián, natural de Castroverde, poeta e tradutora varias veces galardoada polos seus traballos e con fondas raíces familiares na parroquia corguesa de Queizán. O acceso a este evento será libre e de balde, ata completar o aforo. Todas as persoas que asistan á velada poética levarán un libro da autora como agasallo. Así que, xa o sabedes: agardamos por vós no PALCO, este venres, a partir das 19:00h.

Ler Máis

TEATRO NO CENTROSOCIOCULTURAL DO CORGO. ” CITA PREVIA”

TEATRO NO CENTRO SOCIOCULTURAL DO CORGO.

OBRA: CITA PREVIA.  (historias disparatadas nas consultas médicas).

GRUPO: REBULDEIRA TEATRO DE SARRIA.

DIA 11 DE NOVEMBRO ÁS 19:00 HORAS.

COMEDIA. TODOS OS PÚBLICOS. ENTRADA DE BALDE.

Duración: 75 min.

 Esta obra trata sobre situacións que poden suceder nun centro de saúde. De xeito anecdótico e cómico represéntase o devir cotiá ao que se enfrentan os pacientes, o persoal sanitario e os administrativos por mor dos recortes sanitarios, así como a vida social das salas de espera, dende discusións familiares, novas amizades e algún que outro desatino.

Ler Máis

BASES PARA A CONTRATACIÓN DE TRES MONITORES PARA O OBRADOIRO DE EMPREGO PONTE DE AREAS VII.

Publicación das bases para a contratación de 3 monitores/as de albanelería para o obradoiro dual de emprego PONTE DE AREAS VII, concellos de Páramo, o Corgo e Guntín, persoal laboral temporal, en aplicación da axuda otorgada pola Consellería de promoción de emprego e igualdade, ao abeiro da Orde do 21 de abril de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para obradoiros de emprego da comunidade autonóma de Galicia.

Ler Máis

CONFERENCIA SOBRE O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

Este ano 2023 conmemórase o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, unha institución cultural de referencia, que naceu á marxe das instancias oficiais para fomentar o amor pola terra sobre a base do seu mellor coñecemento. O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra esta efeméride con unha conferencia da historiadora da arte e investigadora Iria-Friné Rivera Vázquez, titulada “O ollo atento. O espírito internacional do Seminario de Estudos Galegos”. A palestra, de acceso libre e de balde ata completar o aforo, irá seguida dun faladoiro e animado debate co público asistente. Este acto terá lugar o vindeiro venres 3 de Novembro a partir das 19:00h na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo – PALCO.

Ler Máis

CLUB DE LECTURA DO PALCO

Este 27 de Outubro, como todos os últimos venres de cada mes, agardámosvos no
Punto de Atención á Lectura a partir das 19:30h para comentarmos unha obra literaria de
referencia para as nosas letras. Desta volta é a vez do marabilloso libro A praia dos afogados,
do escritor Domingo Villar. Trátase dunha novela policial na que o mar, os barcos e os
mariñeiros das Rías Baixas xogan un papel fundamental á hora de esclarecer un suposto
suicidio ou, se cadra, un brutal asasinato que o inspector Leo Caldas debe resolver. Para
comprendermos mellor as entrañas desta obra contaremos coa presenza e coa axuda do
profesor Xosé Manuel Castro Castedo e da escritora Ánxela Gracián. Agardámosvos!

Ler Máis

MOSTRA FOTOGRÁFICA DE POMBAIS TRADICIONAIS

Ao longo do último trimestre deste ano permanecerá exposta no Punto de Atención á
Lectura do Corgo – PALCO a exposición titulada Sentinelas do desleixo. Trátase dunha mostra
fotográfica temporal que recolle un total de catorce imaxes en branco e negro
correspondentes a outros tantos pombais tradicionais corgueses. Esta iniciativa xorde no
ámbito do Proxecto CORGORAL, co obxectivo de amosar a relevancia e a beleza estética
destas construcións. Asemade, preténdese sensibilizar aos axentes públicos e privados sobre a
necesidade de preservar axeitadamente o patrimonio cultural para podelo transmitir nas
mellores condicións posibles ás vindeiras xeracións. As persoas interesadas en visitar esta
exposición deberán concertar cita previamente, poñéndose en contacto co Concello do Corgo
ou no correo proxecto.corgoral@gmail.com

Ler Máis

CELEBRACIÓN DO DÍA DA BIBLIOTECA NO PALCO

O martes 24 de Outubro é o Día da Biblioteca. Por este motivo, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra no Punto de Atención á Lectura unha nova xornada cultural. Todas as persoas que se acheguen ao PALCO entre as 10:00 e as 14:00 horas recibirán un agasallo moi especial: o libro recompilatorio que recolle os contos tradicionais do concello do Corgo, así como unha segunda obra de balde, a escoller persoalmente polas persoas que nos visiten. Así que xa o sabes: vinde a celebrar connosco o Día da Biblioteca!

Ler Máis

Publicación de bases que rexerán o proceso selectivo de persoal laboral fixo TRABALLADOR/A SOCIAL, posto de apoio do Concello do Corgo.

Publicación das bases no BOP que rexerán o proceso selectivo de persoal laboral fixo dun/ha TRABALLADOR/A SOCIAL, posto de apoio do Concello do Corgo, e publicación no BOE do anuncio do mesmo. O prazo de solicitudes será de vinte días naturais dende a publicación no BOE.

Ler Máis