Categoría: Proxecto CORGORAL

HOMENAXE A JESÚS ABUÍN ARIAS NO PALCO

O vindeiro sábado 23 de Decembro, a partir das 17:00h, terá lugar no Punto de Atención á Lectura do Corgo un acto público de homenaxe á figura de D. Jesús Abuín Arias, fillo predilecto e cronista oficial do Concello do Corgo. A loanza do homenaxeado correrá a cargo do coñecido escritor corgués Mario Outeiro.

Posteriormente, será presentado o Inventario de Fondos Bibliográficos do PALCO, un exhaustivo traballo que recolle os 4.466 rexistros correspondentes aos 5.473 volumes da biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo. Este inventario foi elaborado con carácter voluntario e altruísta por Natalia Silva, a quen tamén se lle renderá un merecido tributo en sinal de agradecemento.

Ler Máis

O Museo do Pobo Galego colabora co proxecto CORGORAL.

Grazas ao Proxecto CORGORAL, todas as persoas que visiten o PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo e a Casa das Asociacións do Corgo poderán gozar dunha senlleira escolma fotográfica da exposición Paisaxes humanizadas – Terras vividas. Trátase dun total de dez imaxes a cores de gran formato, todas elas da autoría de Luís Hixinio Flores Rivas, que teñen como fío condutor a presenza da auga no territorio lucense. Esta escolma fotográfica, cedida polo Museo do Pobo Galego ao Concello do Corgo, consolídase a partir de agora como significativa e destacada exposición permanente nas devanditas dependencias, sempre baixo custodia responsable da edilidade corguesa. Un novo patrimonio para a comunidade!

Ler Máis

PRESENTACIÓN LITERARIA DE ALBERTE MOMÁN

O Punto de Atención á Lectura do Corgo acolle este venres 15 de Decembro a partir
das 19:30h a presentación do último libro de Alberte Momán, titulado Raro. Trátase dunha
obra de carácter narrativo, publicada pola editorial Belagua, que agacha nas súas máis de
duascentas páxinas numerosas sorpresas. Con esta actividade, o Proxecto CORGORAL fomenta
un novo encontro literario entre o escritor ferrolán e os seus lectores. Xa o sabedes:
agardamos por vós este venres, a partir das 19:30h no PALCO.

Ler Máis

CLUB DE LECTURA DO PALCO

O Punto de Atención á Lectura do Corgo acolle este xoves 14 de Decembro a reunión menual do Club de Lectura do PALCO. Trátase do terceiro encontro literario entre un escritor e os seus lectores, e esta organizado no marco do Proxecto CORGORAL, co propósito de fomentar a convivencia cultural entre a veciñanza das Terras de Chamoso.

A obra seleccionada nesta ocasión é a biografía do debuxante e ilustrador Hugo Pratt, creador do lendario personaxe do Corto Maltés. Baixo o subtítulo O desexo de ser inútil: lembranzas e reflexions, o entrevistador Dominique Petifaux conseguiu elaborar un completísimo retrato dun dos maiores creadores de banda deseñada de tódolos tempos. Profusamente ilustrada con numerososo debuxos e fotografías persoais, esta obra contará, entre outros, cos comentarios críticos e as análises da filóloga Ánxela Gracián e do profesor Xosé Manuel Castro Castedo, ambos con fondas raíces na freguesía corguesa de Queizán.

Agardamos por vós a partir das 19 h no PALCO.

Ler Máis

FALADOIRO SOBRE SAN MARTIÑO DE DUME

Este sábado 11 de Novembro terá lugar, a partir das 19:00h no PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo, o faladoiro titulado “As preocupacións de San Martiño”. Aproveitando esta efeméride do santoral, o cura párroco do Corgo, Óscar G. Murado, disertará sobre a figura deste home santo, sobre a súa época e sobre os seus escritos. Precisamente o noso orador convidado, doutor en Historia da Igrexa pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma, defendeu previamente con éxito a súa tese de licenciatura hai exactamente quince anos, baixo o título San Martiño de Braga perante o paganismo. O público asistente terá a posibilidade de entender mellor este senlleiro personaxe, bispo dos suevos, así como a súa coñecida obra De correctione rusticorum. Xa o sabedes: agardamos por vós no PALCO, este sábado 11, a partir das 19:00h.

Ler Máis

RECITAL DE POESÍA A CARGO DE ÁNXELA GRACIÁN

O Proxecto CORGORAL organiza o vindeiro venres 10 de Novembro unha velada poética a partir das 19:00h no PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo. O recital correrá a cargo da escritora Ánxela Gracián, natural de Castroverde, poeta e tradutora varias veces galardoada polos seus traballos e con fondas raíces familiares na parroquia corguesa de Queizán. O acceso a este evento será libre e de balde, ata completar o aforo. Todas as persoas que asistan á velada poética levarán un libro da autora como agasallo. Así que, xa o sabedes: agardamos por vós no PALCO, este venres, a partir das 19:00h.

Ler Máis

CONFERENCIA SOBRE O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

Este ano 2023 conmemórase o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, unha institución cultural de referencia, que naceu á marxe das instancias oficiais para fomentar o amor pola terra sobre a base do seu mellor coñecemento. O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra esta efeméride con unha conferencia da historiadora da arte e investigadora Iria-Friné Rivera Vázquez, titulada “O ollo atento. O espírito internacional do Seminario de Estudos Galegos”. A palestra, de acceso libre e de balde ata completar o aforo, irá seguida dun faladoiro e animado debate co público asistente. Este acto terá lugar o vindeiro venres 3 de Novembro a partir das 19:00h na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo – PALCO.

Ler Máis

CLUB DE LECTURA DO PALCO

Este 27 de Outubro, como todos os últimos venres de cada mes, agardámosvos no
Punto de Atención á Lectura a partir das 19:30h para comentarmos unha obra literaria de
referencia para as nosas letras. Desta volta é a vez do marabilloso libro A praia dos afogados,
do escritor Domingo Villar. Trátase dunha novela policial na que o mar, os barcos e os
mariñeiros das Rías Baixas xogan un papel fundamental á hora de esclarecer un suposto
suicidio ou, se cadra, un brutal asasinato que o inspector Leo Caldas debe resolver. Para
comprendermos mellor as entrañas desta obra contaremos coa presenza e coa axuda do
profesor Xosé Manuel Castro Castedo e da escritora Ánxela Gracián. Agardámosvos!

Ler Máis

MOSTRA FOTOGRÁFICA DE POMBAIS TRADICIONAIS

Ao longo do último trimestre deste ano permanecerá exposta no Punto de Atención á
Lectura do Corgo – PALCO a exposición titulada Sentinelas do desleixo. Trátase dunha mostra
fotográfica temporal que recolle un total de catorce imaxes en branco e negro
correspondentes a outros tantos pombais tradicionais corgueses. Esta iniciativa xorde no
ámbito do Proxecto CORGORAL, co obxectivo de amosar a relevancia e a beleza estética
destas construcións. Asemade, preténdese sensibilizar aos axentes públicos e privados sobre a
necesidade de preservar axeitadamente o patrimonio cultural para podelo transmitir nas
mellores condicións posibles ás vindeiras xeracións. As persoas interesadas en visitar esta
exposición deberán concertar cita previamente, poñéndose en contacto co Concello do Corgo
ou no correo proxecto.corgoral@gmail.com

Ler Máis

CELEBRACIÓN DO DÍA DA BIBLIOTECA NO PALCO

O martes 24 de Outubro é o Día da Biblioteca. Por este motivo, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra no Punto de Atención á Lectura unha nova xornada cultural. Todas as persoas que se acheguen ao PALCO entre as 10:00 e as 14:00 horas recibirán un agasallo moi especial: o libro recompilatorio que recolle os contos tradicionais do concello do Corgo, así como unha segunda obra de balde, a escoller persoalmente polas persoas que nos visiten. Así que xa o sabes: vinde a celebrar connosco o Día da Biblioteca!

Ler Máis