Categoría: Proxecto CORGORAL

TEATRO DE BALDE NO PALCO: “A TORTILLA E A PESTE”.

Este sábado 21 de Outubro, por iniciativa do Proxecto CORGORAL e coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, será representada a partir das 20:00h na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo a obra de teatro “A tortilla e a peste”. A posta en escena correrá a cargo da compañía Nova Escena, no ámbito do Circuíto de teatro afeccionado 2023. Xa o sabedes: agardamos por vós, na biblioteca do PALCO, para gozarmos xuntos deste novo serán cultural!

Ler Máis

PRIMEIRO CLUB DE LECTURA NO PALCO.

A biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo acolleu o pasado venres 22 de
Setembro o primeiro Club de Lectura do PALCO. Este encontro literario entre un escritor ben
coñecido e os seus lectores foi organizado no marco do Proxecto CORGORAL, co propósito de
fomentar a convivencia entre a veciñanza e consolidar unha comunidade cultural propia nas
Terras de Chamoso.
Inscribíronse nesta orixinal iniciativa máis de unha ducia de persoas, entre as cales
figuran o cura párroco do Corgo, Oscar G. Murado, a coñecida actriz Benedicta Sánchez, o
profesor Xosé Manuel Castro Castedo, as responsables do Punto de Atención á Infancia do
Corgo…
A obra escollida nesta ocasión foi a novela de intriga O conserxe, escrita por Xosé Luís
Vázquez Somoza. O evento contou coa presenza do autor, que, ao longo de case dúas horas,
compartiu cos seus lectores varios dos segredos que se acochan nas páxinas deste grande
éxito editorial, recentemente incorporado aos fondos bibliográficos do PALCO.

Ler Máis

PRESENTACIÓN DE LIBROS E FALADOIRO NO CORGO.

ACTO PÚBLICO ABERTO NA BIBLIOTECA DO PALCO DO CORGO. (PUNTO DE ATENCIÓN Á LECTURA)

O vindeiro sábado 23 de Setembro, por iniciativa do Proxecto CORGORAL, celebramos
unha nova xornada cultural na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo. As
actividades programadas para este serán son unha dobre presentación literaria e unha charla
de temática histórica.
A partir das 18h, Eladio Castedo, escritor corgués e veciño de Chousa, dará a coñecer
as súas dúas últimas creacións literarias: La rosa del azafrán e Parejo al tiempo. O autor
conversará co público asistente sobre os seus libros e sobre o proceso da escrita desde unha
perspectiva autodidacta.
Máis logo, por volta das 19h, será a vez de Xosé Luís Pérez Castro, avogado corgués e
veciño de Sabarei, quen impartirá a conferencia titulada “Galicia: un nome para dous reinos”.
Neste faladoiro, acompañado por numerosa cartografía histórica, disertará sobre as varias
Galicias europeas: a ibérica e a eslava, salientando as súas semellanzas e diferenzas. Así que xa
o sabedes: agardamos por vós, na biblioteca do PALCO, a tardiña deste sábado!

Ler Máis

O CORGO DESTACADO NUN CONGRESO DE ANTROPOLOXÍA

Grazas a unha nova iniciativa do Proxecto CORGORAL, o Concello do Corgo estivo
presente no XVI Congreso Internacional de Antropoloxía celebrado a semana pasada na
cidade da Coruña. Esta reunión científica, na que participaron mais de setecentos especialistas
oriundos de diversas institucións europeas e latinoamericanas, foi organizada conxuntamente
por AGANTRO – Asociación Galega de Antropoloxía e ASAEE – Asociación de Antropología
del Estado Español.
O congreso artellouse nun total de corenta e un simposios temáticos, entre os que
destacou, por ter sido o máis concorrido, o monográfico titulado “Memorias desencadeadas:
reciclaxes do pasado no presente e no futuro”, coordenado por Francisco Ferrándiz Martín, do
CSIC – Consello Superior de Investigacións Científicas. Neste simposio foi presentada con gran
éxito e moito interese por parte do público asistente unha comunicación específica sobre as
recollas da memoria oral relativas á parroquia corguesa de Adai.

Ler Máis

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE CONTOS TRADICIONAIS DO CORGO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, comprácese en anunciar a presentación oficial do libro de recompilacións titulado Contos tradicionais do Corgo. O acto terá lugar na biblioteca do PALCOPunto de Atención á Lectura do Corgo este xoves 27 de Xullo, a partir das 20:00h. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos e moi especialmente orientada á veciñanza corguesa e ás persoas interesadas na literatura popular de transmisión oral. Todas as persoas que asistan ao lanzamento desta obra recibirán un exemplar de balde.

Ler Máis

Cine de verán no campo da feira de Adai.

O Campo da Feira de Adai acolle este domingo 23 de Xullo, a partir das 23:00h unha
nova edición da programación estival de Cine na Rúa, coa proxección da película Crebinsky,
protagonizada, entre outros, polos coñecidos actores Miguel de Lira e Luís Tosar. Trátase
dunha comedia apta para todos os públicos, que poderá verse neste marco incomparable, ao
aire libre e de xeito totalmente gratuíto, grazas ao patrocinio do Excelentísimo Concello do
Corgo. Así que xa sabedes: estades todos convidados!

Ler Máis

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MANUEL VÁZQUEZ NA BIBLIOTECA DO PALCO

A biblioteca do PALCOPunto de Atención á Lectura do Corgo acolle este venres 14 de Xuño ás 20:00h a presentación do libro de Manuel Vázquez titulado O pracer da chuvia. Esta obra narrativa, que vén de saír do prelo grazas ao labor de Medulia Editorial, está prologada polo escritor e mestre Xesús Trashorras. No acto de lanzamento estarán presentes o autor, que asinará exemplares da súa obra, o prologuista, o responsable do Proxecto CORGORAL e Chelo Vázquez, presidenta do Centro de Estudos do Corgo. A actividade está aberta a todos os públicos e moi especialmente á veciñanza corguesa e ás persoas interesadas na literatura actual.

Ler Máis

MOSTRA FOTOGRÁFICA TEMPORAL NA BIBLIOTECA DO PALCO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e da biblioteca do PALCO –
Punto de Atención á Lectura do Corgo organiza para este terceiro trimestre a mostra
fotográfica temporal titulada Hai Presente. Trátase dunha serie de quince paneis con imaxes
realizadas por Esther López, na que se recolle unha escolma de artistas que desde o rural
espallan a súa creatividade de xeitos e maneiras moi diversos. O vindeiro venres 14 de Xuño,
ás 19 horas terá lugar na biblioteca do PALCO a inauguración oficial.

Ler Máis

Club de lectura estival na Biblioteca do Palco.

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e da biblioteca do PALCO –
Punto de Atención á Lectura do Corgo organiza o seu primeiro Club de Lectura Estival para
este ano 2023. A iniciativa, aberta á libre participación da veciñanza e totalmente gratuíta, está
dirixida ás persoas amantes dos libros, da lectura e da palabra, tanto oral como escrita. O
vindeiro mércores 28 de Xuño, ás 20 horas terá lugar na biblioteca do PALCO unha primeira
reunión, na que se expoñerán as diversas propostas de lectura que foron achegadas ata o
momento. Estades todos convidados!

Ler Máis

Mario Outeiro presenta o seu libro na Bibloteca do PALCO.

A Asociación Cultural ARUMES vén de editar o libro Da tribuna ao outeiro. 500 artigos de opinión no xornal El Progreso, do coñecido profesor corgués Mario Outeiro. A presentación oficial do mesmo terá lugar este sábado 10 de xuño ás 20h nas instalacións da biblioteca do PALCOPunto de Atención á Lectura do Corgo. O acto será de carácter público, aberto e de balde, con acceso libre ata completar o aforo. Asemade, o evento contará coa presenza do autor, da presidenta da referida asociación, Josefa González, e do responsable do Proxecto CORGORAL, Lois Ladra. Todos as persoas que asistan recibirán un exemplar de agasallo.

Ler Máis