Categoría: Proxecto CORGORAL

NOVO PREMIO PARA A BIBLIOTECA DO CORGO

A biblioteca do PALCO (Punto de Atención á Lectura do Corgo), creada grazas ao Proxecto CORGORAL, acaba de recibir un novo recoñecemento público ao seu mérito e bo facer. Desta volta foi o IES Xograr Afonso de Sarria quen designou ao PALCO como “honorable biblioembaixada” de iure e ab aeterno, o cal quere dicir que mereceu esta distinción “xustamente” e “para sempre” pola “utilidade social para crear un novo espazo cultural de sociabilidade comunitaria”. Asemade, o PALCO foi definido como “un proxecto modélico onde mirarse e aprender”.

Xa con anterioridade, a iniciativa cultural de crear un Punto de Atención á Lectura no Corgo tiña sido loada por institucións de recoñecido prestixio, como son os casos da Real Academia Galega, do Museo do Pobo Galego, do Centro para a Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro e da Real Academia Galega de Belas Artes.

                Desde o Concello do Corgo e o Proxecto CORGORAL sentimos un enorme orgullo por termos recibido esta distinción e queremos manifestar o noso agradecemento a todas estas institucións, que cos seus parabéns e co seu alento nos animan a seguir traballando día a día para facer mais doado o acceso á cultura e aos libros na nosa comunidade.

Ler Máis

Semana da cultura e das LETRAS GALEGAS.

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e do Punto de Atención á Lectura – PALCO, conmemora a Semana das Letras Galegas con numerosas actividades:

O martes 16, ás 17:00h, terá lugar a presentación pública na biblioteca do PALCO da Antoloxía poética ÉPICO no PALCO 2023, que reúne medio cento de composicións dos recoñecidos autores Alberte Momán, Albino Matos, Ánxela Gracián, Carlos d’Abreu, Eugenia Sanmartín, Helena Almeida, Inocencia Montes, J. C. Valle “Karlotti”, Manuela Vidal, Montse Villar e Xerardo Quintiá.

O mércores 17, o Proxecto CORGORAL traspasará os lindes municipais para divulgar no veciño concello de Láncara os obxectivos, os métodos e os resultados preliminares desta ambiciosa recolla da Literatura Popular de Tradición Oral e do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués.

O xoves 18, a partir das 17:00, celebrarase na biblioteca do PALCO a Festa do Libro e da Literatura, aberta a todos os públicos e moi especialmente á comunidade escolar (PAI-CEIP-CPI). Todas as persoas presentes poderán levar de agasallo dous exemplares dos que escollan entre os varios centos que estarán á libre disposición dos visitantes.

Ler Máis

MOSTRA FOTOGRÁFICA TEMPORAL NO PALCO

Grazas ao Proxecto CORGORAL e ao Colectivo Desastre xa podemos gozar no Corgo  da irrepetible mostra fotográfica temporal AbandonARTE. Ao longo deste segundo trimestre do ano 2023 permanecerá nas instalacións da biblioteca do PALCOPunto de Atención á Lectura do Corgo.Trátase dun total de quince paneis con imaxes que recollen e poñen de manifesto a decadencia e o abandono dos edificios públicos que noutrora tiveron unha vida e que ofreceron un servizo á sociedade. Cada fotografía garda e conta unha historia de abandono e desleixo que nos quere facer cavilar sobre a importancia dos bens comúns e sobre a necesidade de xestionalos axeitadamente para evitar que rematen arruinados e comestos polo tempo. As persoas interesadas en visitar esta mostra poden concertar unha visita guiada chamando ao 676-862-924 ou enviando un correo a proxecto.corgoral@gmail.com Achégate á biblioteca do PALCO e goza destas marabillosas fotografías!

Ler Máis

PROGRAMA DO FESTIVAL ÉPICO NO PALCO

Xa podedes consultar o cartel con todos os detalles do programa do completísimo programa para o serán deste sábado: o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra o primeiro ano de vida da biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO). O programa de actividades comezará ás 18h e incluirá unha mostra fotográfica temporal, música tradicional, feira do libro… e un recital acústico co Encontro de Poesía Ibérica no Corgo, ao que acudirán unha ducia de escritores e cantautores procedentes dos máis variados recunchos de Galicia, Portugal e León para declamar os seus poemas e animar esta foliada coa música e a palabra. Achégate á biblioteca do PALCO e celebra connosco esta Festa da Música, da Cultura e dos Libros!! Xa chegou o Festival EPICO no PALCO!!https://axendacultural.aelg.gal/2023/04/21/o-corgo-primeiro-aniversario-do-punto-de-atencion-a-lectura/

Ler Máis

FESTA DA CULTURA POLO PRIMEIRO ANIVERSARIO DA BIBLIOTECA DO PALCO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra o vindeiro sábado 22 de Abril unha festa da cultura para conmemorar o primeiro ano de existencia da biblioteca do Punto de Atención á Lectura. Aproveitamos esta efeméride, e a da Semana do Libro e da Lectura para festexar a oralidade e os valores humanistas transmitidos a través das palabras ditas, recitadas ou cantadas. E para iso, nada mellor que acoller ás persoas que se acheguen ao PALCO e ofrecerlles de balde unha chea de libros, imaxes, música e poesía! O programa de actividades comezará ás 18h do serán e incluirá diversos eventos: mostra fotográfica, música tradicional, feira do libro, recital poético ibérico…

Achégate á biblioteca do PALCO e celebra connosco este cumpreanos!!

Ler Máis

XORNADAS SOBRE O PATRIMONIO CULTURAL DO CORGO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e coa colaboración das asociacións culturais Vagalumes e Arumes, organiza as Primeiras Xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Corgo, dedicadas nesta ocasión á divulgación, defensa e posta en valor dun particular aspecto da nosa arte relixiosa popular: os cruceiros e as cruces de pedra.

Para acadar estes obxectivos programáronse diversas actividades ao longo deste trimestre: en primeiro lugar, durante os meses de Febreiro e Marzo realizouse no Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO) unha exposición temporal sobre Castelao como estudoso, artista e debuxante, titulada A Bretaña que hai en nós.

Por outra banda, o sábado 4 de Febreiro contamos coa presenza do museólogo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Sr. D. Felipe-Senén López Gómez, que impartiu unha conferencia maxistral sobre As cruces de pedra nos confíns da Europa Atlántica.

Para rematar estas Primeiras Xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Corgo, o concello organiza no Punto de Atención á Lectura o vindeiro sábado 1 de Abril ás 18:30h unha visita comentada á exposición, ás 19:00ha proxección do vídeo titulado “As cruces de pedra na Bretaña” e ás 20:00h unha conferencia impartida por Fernando Arribas, presidente da Asociación Galega de Amigos das Cruces de Pedra, sobre Os cruceiros no concello do Corgo. Agardamos que estas xornadas sexan de interese para toda a veciñanza corguesa e que tamén sirvan para difundir e poñer en valor o noso rico e variado Patrimonio Cultural.

Ler Máis

EDICIÓN DOS CANTARES DO ENTROIDO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, vén de publicar un caderno especial que recolle todos os cantares do entroido locais identificados ao longo do período 1945-2022. Trátase dunha publicación en formato impreso e dixital, que xurdiu da estreita colaboración de tres especialistas: un antropólogo sociocultural (Lois Ladra, responsable do Proxecto CORGORAL) e dous profesores locais (os filólogos Xosé Manuel Castro Castedo e Xurxo Xosé Rodríguez Lozano).

A monografía comeza con un estudo introdutorio sobre a historia e o significado deste tipo de composicións poéticas sarcásticas da nosa Literatura Popular de Tradición Oral. Cómpre indicar que, no caso do concello do Corgo, na elaboración deste tipo de ferretes sobrancean cando menos dúas xeracións de mestres da familia de Xorxe: Xesús Rodríguez Álvarez e Xurxo Xosé Rodríguez Lozano. Síguelle a exposición dos criterios da edición, da autoría de Xosé Manuel Castro Castedo e, finalmente, o corpus principal do texto, coas coplas do entroido elaboradas por Xurxo Rodríguez entre os anos 2010 e 2022. A versión dixital desta publicación está á libre disposición de todas as persoas interesadas no noso portal na rede. Agardamos que gocedes con esta nova lectura!

https://www.concellodocorgo.com/wp-content/uploads/2023/03/2023-CANTARES-DO-ENTROIDO-1.pdf

Ler Máis

DESFILE DE DISFRACES DO PAI NA BIBLIOTECA DO PALCO

O Punto de Atención á Infancia (PAI), en colaboración co Proxecto CORGORAL, organiza este xoves 16 de Febreiro na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO) o desfile de disfraces da rapazada mais cativa do noso concello.

A partir das 11:30 os familiares dos escolares procederán a entrar ordenadamente na biblioteca, onde sentarán correlativamente por orde nos lugares que lles indicará o persoal. Posteriormente, ás 12:00h e unha vez que os adultos estean axeitadamente sentados nos seus lugares, entrarán os escolares disfrazados, dando así comezo oficial ao desfile de Entroido no Punto de Atención á Lectura.

Na biblioteca está a decorrer unha exposición fotográfica temporal titulada A Bretaña que hai en Nós: Castelao e as cruces de pedra, concibida pola Asociación Cultural Vagalumes.A mostra, composta por vinte e seis paneis, estará aberta ao público durante os meses de febreiro e marzo.

Os organizadores rogan aos adultos que sigan en todo momento as instrucións do persoal do PAI-PALCO e que sexan puntuais na asistencia a esta actividade. Moitas grazas.

Ler Máis

Festa de Entroido 2023

  • LUNS DÍA 20 de FEBREIRO
  • PAVILLÓN MUNICIPAL DO CORGO.
  • FESTA DE ENTROIDO PARA TÓDALAS IDADES, DE 16:30 A 20:00 H.

XOGOS, COLCHONETAS, MÚSICA E MOITA FESTA!

DESFILE DE DISFRACES

VALES DE PREMIOS POR CATEGORIAS AOS MÁIS ORIXINAIS E CREATIVOS.

INSCRICIÓNS PARA O DESFILE A PARTIR DAS 16:30 H. NO PAVILLÓN.

18:00 H. DESFILE POR CATEGORÍAS:

  • de 3/6 anos,
  • de 7/10 anos
  • de  11/14 anos.

Os disfraces poderán ser individuais ou en grupo. As idades sinaladas son para as categorias dos  premios, pero o desfie está aberto a calquera idade.

PRESENTACIÓN DA RECOPILACIÓN DE “COPLAS DO ENTROIDO” DO PROXECTO CORGORAL.

Haberá  lambetadas e  chocolate con churros de balde para os disfrazados.

         Ven a divertirte!!

Ler Máis

CONFERENCIA SOBRE CRUCES E CRUCEIROS

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, organiza na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO) unha xornada de homenaxe a Daniel Alfonso Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires 1950), primeiro presidente do Consello de Galiza no exilio.

O programa de actividades previstas para o vindeiro sábado 4 de Febreiro contempla a inauguración oficial ás 19:30 da exposición temporal titulada A Bretaña que hai en Nós, concibida pola Asociación Cultural Vagalumes. A mostra, composta por vinte e seis paneis, un audiovisual e o seu correspondente catálogo, estará aberta ao público durante os meses de febreiro e marzo. A continuación, por volta das 19:45, pequena  mostra bibliográfica sobre Castelao e as cruces de pedra.

O acto principal desta xornada correrá a cargo de Felipe-Senén López Gómez, historiador da cultura, museólogo e secretario da Real Academia Galega de Belas Artes, que disertará sobre As cruces e os cruceiros en Galicia e nos confíns célticos de Europa.

Ler Máis