Categoría: Proxecto CORGORAL

EXPOSICIÓN SOBRE CASTELAO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e grazas á inestimable colaboración da Asociación Cultural Vagalumes, inaugura na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO) a exposición temporal titulada A Bretaña que hai en Nós.

Trátase dunha merecida homenaxe póstuma a Daniel Alfonso Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires 1950) e á súa viaxe de estudo encol das cruces de pedra na Bretaña. A análise dos cruceiros e dos calvarios dese cabo do mundo atlántico permitiríalle anos mais tarde comprender e contextualizar mellor o seu monumental estudo sobre as cruces de pedra na Galiza, publicado en 1950 polo Seminario de Estudos Galegos e a Editorial Nós no exilio bonaerense.

A mostra, composta por vinte e seis paneis, un audiovisual e o seu correspondente catálogo, estará aberta ao público durante os meses de febreiro e marzo. As persoas interesadas en visitala deberán poñerse en contacto co Concello do Corgo no correo proxecto.corgoral@gmail.com ou no teléfono 676-862-924.

Ler Máis

Presentación do refraneiro tradicional

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e grazas ao traballo participativo desenvolvido en colaboración co alumnado do CEIP Plurilingüe do Corgo e do CPI Ramón Piñeiro, presenta a publicación monográfica que recolle a edición especial do refraneiro tradicional do Corgo.
O acto público e totalmente gratuíto, terá lugar o vindeiro sábado 17, a partir das 18:30 na biblioteca do PALCO (Punto de Atención á Lectura do Corgo). Trátase da primeira recolla sistemática efectuada no concello, contendo máis de catrocentos refráns. Todas as persoas que asistan á presentación levarán de balde cadanseu exemplar.
A xornada completarase con varias actividades mais, no ámbito do programa da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso: apertura musical a cargo da A. C. A Legua Dereita, entrega de premios, recitado das poesías gañadoras e actuación do cuarteto vocal Son de Corda, seguido polas Cegas de Ouselle.

Vinde a compartir un agradable serán! Contamos coa vosa presenza!

Ler Máis

Presentación da nova páxina web do Concello do Corgo

 

 

O Concello do Corgo, coa colaboración do Centro Sociocultural e do Proxecto CORGORAL, presenta publicamente o seu novo portal dixital na rede. O acto terá lugar o vindeiro mércores 30 de Novembro a partir das 19:30h na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO), xunto ao Punto de Atención á Infancia (PAI).
Desta volta será o especialista Antonio Giz quen explique detalladamente a todas as persoas interesadas a renovada imaxe do rostro público do concello na rede, así coma o futuro funcionamento básico da mesma, con todos os seus apartados renovados e con novos recursos multimedia.
Desde o Concello do Corgo queremos animar a todos os veciños e veciñas a participar neste evento, contribuíndo coas súas achegas a mellorar o deseño e a accesibilidade telemática á administración municipal. Será presentada unha versión piloto que incluirá novos elementos dixitais, coa idea de poñela a andar definitivamente coa maior brevidade posible.

Ler Máis

ENCONTRO FESTIVO NO PUNTO DE ATENCIÓN Á LECTURA

 

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, organiza o vindeiro sábado 5 de Novembro unha xornada especial aberta a todos os públicos na biblioteca do Punto de Atención á Lectura, xunto ao Punto de Atención á Infancia.

Ás 17:30 comenzaremos coa inauguración oficial da mostra temporal titulada Alfarería tradicional lucense: os obradoiros de Bonxe e Gundivós, a partir de unha escolma de pezas da colección particular de Manuel Fernández, Lolo da Vila. Permanecerá aberta na biblioteca durante os meses de Novembro e Decembro.

Ás 18:00 h estrearemos o Cinema do PALCO, coa proxección da película El Rey del Río, dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón. Entre os seus protagonistas  figuran  actores tan coñecidos como Alfredo Landa, Carmen  Maura e Achero Mañas. A peculiaridade desta logametraxe está no feito de ter sido parcialmente rodada en diversas  localizacións do noso concello, como o Palacio do Xeneral Tella, en Adai, ou o Pazo de PIñeiro, en Folgosa.

Posteriormente, contra as 20:00h a escritora Ánxela Gracián, con orixes familiares na parroquia corguesa de Queizán, presentará o seu libro de poemas Paisaxes de pan. Neste encontro teremos a oportunidade de conversar con ela sobre o seu traballo como autora de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil, tradutora e poeta. Todos os nenos e nenas presentes no acto serán agasallados cun libro.

Desde o Concello do Corgo queremos animar a todos os veciños a participar neste evento cultural e moi especialmente aos pais e ás nais dos máis novos, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man e de poder conversar coa escritora convidada, Ánxela Gracián.

 

Ler Máis

AMIGOS DE GALICIA DOA LIBROS AO CORGO.

 

A Fundación de Amigos de Galicia ofreceu á Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo unha significativa doazón de máis de medio milleiro de exemplares. Nunha emotiva cerimonia que tivo lugar o sábado 8 de Outubro nas instalacións da referida biblioteca, o presidente da Fundación de Amigos de Galicia, D. Ramiro Varela Cives, acompañado por unha nutrida comitiva de doadores, procedeu á entrega de numerosas caixas con libros que pasarán a integrar os fondos bibliográficos postos á disposición de todas as persoas interesadas na súa consulta.

A Biblioteca PALCO, situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da Casa das Asociacións, é un servizo público e gratuito inaugurado polo Concello do Corgo a través do Proxecto CORGORAL  o pasado 23 de Abril, Día mundial do Libro. Actualmente e grazas ás xenerosas doazóns de numerosos particulares e institucións, conta con varios milleiros de libros que se poden consultar de balde. O correo de contacto é proxecto.corgoral@gmail.com

 

 

 

Ler Máis

XUNTANZA E POLAFÍA NO CORGO

 

 

O vindeiro sábado 24 de Setembro, a biblioteca do Punto de  Atención á Lectura, acollerá a partir das 18h a derradeira actividade da programación cultural do verán desenvolvida polo Proxecto CORGORAL: un serán de xuntanza, convivencia e diálogo entre persoas vencelladas a estas terras. Esta reunión ou polafía (https://www.aelg.gal/Polafias/) está organizada en colaboración coa Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e contará coa presenza de numerosos convidados que falarán de diversos aspectos do Corgo.
Neste encontro todas as persoas presentes poderemos gozar dos coñecementos de persoas tan importantes para O Corgo como poden ser Felipe Labrada (alcalde), Marco Antonio García-Gabilán (secretario), Oscar G. Murado (cura de doce parroquias do concello), Jesús Abuín (cronista oficial), Domingo P. Lidor (xuíz de paz), Xosé Manuel Castro (profesor)…
Todo isto sen esquecer aos representantes de varias asociacións locais como Mario Outeiro (A. C. Arumes), Consuelo Vázquez (Centro de Estudos do Corgo), Manuel Rodríguez (Cinco Ríos), ou Roberto Besteiro (A Legua Dereita).
Tamén estarán connosco varios artesáns locais, verdadeiros mestres no traballo do ferro (Antonio Fernández) ou do barro (Manuel López), que nos contarán os segredos da última forxa en activo no Corgo e da maior colección privada de cerámica tradicional que existe no noso concello. E tamén poderemos conversar con Benedicta Sánchez, actriz revelación, premio Goya e medalla Castelao. Estades todos convidados e agardamos a vosa presenza para pasarmos xuntos un serán inesquecible, cheo de contos, lendas, historias e sucedidos.

Ler Máis

Exposición fotográfica temporal

O Concello do Corgo  a través do Proxecto CORGORAL  e baixo o comisaríado de Eduardo Ochoa, ofrece a todas as persoas interesadas  a posibilidad de gozar da exposición temporal titulada: No camiño: as imaxes que viron os peregrinos (https://xn--nocamio-9za.org/). Trátase dunha mostrá itinerante coordinada por Antonio Giz, con textos do recoñecido  escritor e xornalista Xulio Xiz, autor da obra O Corgo, amplo horizonte

A exposición ven de ser inaugurada nas instalaciones da biblioteca do Punto de Atención á Lectura, onde permanecerá ata o  vinderio luns 26. As persoas interesadas en visitalo no horario que consideren mais axeitado  deberán  pedir cita previa no teléfono 676862924.

 Por outra banda non vos esquezades  de que o vindeiro sábado 24 de setembro, a biblioteca do Punto de Atención á lectura  tamen acollerá a partir das   18h a derradeira actividade da programación  do verán desenvolvida polo Proxecto CORGORAL: un serán de xuntanza, convivencia e diálogo entre persoas vencelladas a estas terras. Esta polafía ( https://axendacultural.aelg.gal/2022/09/20/polafia-o-corgo/ )  está organizada  en  colaboración coa  Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación  de Escritores  en  Lingua Galega  e contará coa presenza de  numerosos convidados que falarán de diversos aspectos do Concello do Corgo. 

Ler Máis

Nieves Neira recital poético e novo libro.

 

O vindeiro luns 22 de Agosto, a biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo, acollerá a partir das 20h unha nova actividade dentro da programación cultural do verán desenvolvida polo Proxecto CORGORAL: trátase dun recital poético a cargo da recoñecida escritora Nieves Neira, quen tamén presentará o seu novo libro.
Nieves Neira traballa no diario El Progreso, onde desenvolve a súa actividade profesional desde hai varios anos. Como autora versátil e polifacética, cultiva varios xéneros literarios, desde o ensaio até a poesía, pasando polo xornalismo. Recibiu o Premio Johán Carballeira e ten publicado os fermosos libros O feitizo de Maruja Roca (2020) e Neve en Agosto (2022).
Durante a súa emotiva e orixinal lectura escénica, Nieves estará acompañada polos máxicos sons de cunchas e cántaros producidos polo virtuoso percusionista Rafa Mallo (batería da coñecida banda de indie rock Triángulo de amor bizarro). Asemade, o acto rematará coa presentación pública do seu último poemario e coa sinatura de exemplares para todas as persoas interesadas en facerse con un exemplar do mesmo.

Ler Máis

NOVOS LIBROS NO PUNTO DE ATENCIÓN Á LECTURA.

 

 

A biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO), situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da Casa das Asociacións, é un servizo público e gratuíto inaugurado polo concello a través do Proxecto CORGORAL o pasado 23 de Abril, Día Mundial do Libro.
Actualmente e grazas ás xenerosas doazóns de numerosos particulares e institucións, conta con varios milleiros de exemplares para a súa consulta totalmente libre e de balde, sempre previa solicitude dirixida ao correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com.
O Proxecto CORGORAL tamén pretende incentivar o aprezo polos libros entre os corgueses e as corguesas. Así, ademais da campaña de animación á lectura que este verán está a decorrer na piscina municipal, estamos a realizar asemade as xestións necesarias para facer medrar os fondos bibliográficos da biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo.
O pasado venres 12 de Agosto, unha pequena delegación corguesa desprazouse ata o concello pontevedrés de Lalín, co propósito de establecer novos vencellos e abrir futuras vías de colaboración cultural co Seminario de Estudos do Deza. Grazas a esta primeira reunión oficial entre os representantes de ambas entidades, produciuse un intercambio de publicacións que veu a enriquecer considerablemente o noso patrimonio bibliográfico. Todos estes libros xa están a disposición da veciñanza para a súa consulta na biblioteca do Punto de Atención á Lectura.

Ler Máis

Fotografías antigas do Corgo.

 

 

O Concello do Corgo, co Proxecto CORGORAL, pretende recuperar a memoria gráfica municipal coa dixitalización de fotografías antigas cedidas voluntariamente polos veciños e veciñas de todas as parroquias. Aquelas persoas que colaboren con esta iniciativa recibirán un CD-ROM coas imaxes dixitalizadas, para evitar así que se perdan ou deterioren os orixinais.

O patrimonio fotográfico dos corgueses constitúe un valioso testemuño do noso pasado como comunidade social e cultural, merecendo por iso este esforzo comunitario de preservación e posta en valor. Ao longo dos últimos meses tense encetado o proceso de recollas coa colaboración de numerosos veciños e veciñas das parroquias de Laxosa, Adai, Franqueán, San Xoán do Corgo e Gomeán. Agardamos poder incorporar ao longo do ano outras parroquias a esta emocionante iniciativa.

Precisamente grazas á colaboración activa da Asociación de Veciños O Salgueiriño de Gomeán e do Arquivo Diocesano de Lugo será posible inaugurar este domingo 14 de Agosto, no marco da II Feira do Ano de Gomeán, a mostra fotográfica, xornalística e documental que foi monograficamente preparada sobre a historia desta freguesía. Convidámosvos a que visitedes este evento e a que coñezades mellor o noso patrimonio fotográfico e documental.

Ler Máis