O Concello do Corgo, en colaboración coa Diocese de Lugo e a través do Proxecto CORGORAL, promoveu o pasado 20 de Abril a primeira edición do Programa “Coñece o teu patrimonio” dirixido inicialmente ao público escolar. Con este programa preténdese que os alumnos do CEIP Plurilingüe do Corgo descubran, coñezan e valoren o importantísimo legado patrimonial que existe no concello. De entre todas as manifestacións artísticas que atesouran as nosas parroquias escollemos dúas que poden servir de exemplo para comprendermos mellor o patrimonio cultural material e inmaterial corgués: o belén da igrexa de San Martiño de Folgosa e as pinturas murais do templo románico de Santalla do Alto.
O belén articulado de Folgosa constitúe unha senlleira amostra da creatividade e da artesanía popular orientada á devoción conmemorativa do nacemento de Cristo. Trátase de unha maqueta a escala reducida que reproduce o ambiente da Terra Santa hai dous mil anos, con paisaxes poboadas por máis dun cento de figuras que representan á Sagrada Familia, aos Reis Magos e ao pobo de Belén nos seus máis diversos oficios e ocupacións tradicionais. Inclúe varios elementos dinámicos, animais terrestres, aéreos e acuáticos, así coma un río, muíños, fornos e un dispositivo audiovisual que reproduce o son de unha tormenta de raios. Todo isto precisamente no ano en que o Ministerio de Cultura iniciou os trámites para declarar o belenismo como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial.
A igrexa de Santalla do Alto sobrancea pola súa excelente fábrica románica, con unha nave única, de planta rectangular e cuberta a dúas augas. A ábsida ten dous tramos: un deles recto, con bóveda de canón, e outro semicircular, con bóveda de forno. As pinturas murais polícromas destacan pola súa enorme beleza, estado de conservación e magnífica calidade artística. Entre as diversas escenas e temas representados pódense citar a Anunciación, o nacemento de Xesús, a Virxe como raíña dos anxos, os catro evanxelistas… Tamén resultan interesantes as imaxes escultóricas dos santos (Santa Bárbara, San Antonio…), a pía bautismal de granito con decoración xeométrica labrada e os cepillos petitorios dedicados ás ánimas do purgatorio, á Nosa Señora das Dores e a San Antonio de Padua… En fin, toda unha experiencia cultural inesquecible.
Agardamos que esta visita escolar do Programa COÑECE O TEU PATRIMONIO desenvolvido no ámbito do Proxecto CORGORAL sexa a primeira de unha serie na que todas as persoas interesadas poidan coñecer e apreciar a riqueza patrimonial e cultural que atesouran moitos dos fermosos recunchos que posúe o concello do Corgo.