Categoría: Proxecto CORGORAL

ORIXE E SIGNIFICADO DOS NOMES DE LUGAR DO CONCELLO DO CORGO

Un aspecto destacado do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués é o de todo aquilo que se refire á nosa lingua propia ou vernácula. E dentro das expresións lingüísticas, o estudo dos nomes de lugar ou topónimos ocupa un lugar senlleiro. Por todo isto, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten a ben celebrar o Día de Galicia deste ano 2021 coa publicación dun traballo clásico de referencia e de especial interese: a “Toponimia do concello do Corgo”, da autoría do esgrevio investigador Nicandro Ares Vázquez (1926-2017).

Nesta obra poderemos coñecer cales son as orixes e os significados dos topónimos corgueses que aparecen recollidos no Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, vixente desde o ano 2000. Nomes tan aparentemente difíciles de entender, como poden ser Abragán, Bergazo, Chamoso ou Laxosa teñen nestas páxinas a súa cumprida e pertinente explicación etimolóxica.
Desde o Proxecto CORGORAL ofrecémosvos esta significativa achega para podermos coñecer mellor o noso concello, a nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial. Todas as persoas interesadas neste traballo podedes descargar de balde o PDF na páxina web municipal, solicitar a versión impresa enviando un correo a proxecto.corgoral@gmail.com ou poñéndovos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.

Orixe e significado dos nomes de lugar do concello do Corgo

Ler Máis

A WEB DO CONCELLO DO CORGO ESTREA UNHA NOVA SECCIÓN CO PROXECTO CORGORAL

Desde hai pouco mais de unha semana, a páxina web oficial do Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten aberto unha nova sección titulada “Memoria do Corgo”, coa seguinte ligazón de referencia para todas as persoas que nos queiran coñecer ou visitar virtualmente: https://www.concellodocorgo.com/index.php/corgoral.html

Neste apartado estamos a subir numerosos contidos relacionados co noso termo municipal e coas nosas parroquias, aldeas e lugares. Aínda estamos en fase de probas e certamente temos que mellorar moitas cousas, pero o que nos move é a ilusión por ofrecervos en diversos formatos imaxes, textos e gravacións en audio e vídeo que sirvan de base para conformar pouco a pouco un futuro milladoiro de lembranzas corguesas. Aquí atoparedes textos, fotos, cantigas, documentais, libros, revistas, xornais, mapas… Como dicía Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela: hai sitio para todos”.

Trátase, coma sempre, dun proxecto público, aberto e colaborativo, no que agradecemos todas as vosas achegas, ideas e opinións. Podedes enviar o que vos pareza interesante a proxecto.corgoral@gmail.com ou poñervos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.

Ler Máis

OS ESCOLARES DO CORGO DESEÑAN O LOGOTIPO PARA O PROXECTO CORGORAL.

 

O alumnado do 4.° curso de Primaria do CEIP Plurilingüe “O Corgo” participou no concurso de ideas para o deseño do logotipo do Proxecto CORGORAL. En concreto, presentáronse trece propostas, das que catro foron preseleccionadas polo profesorado do centro. Todos os alumnos participantes foron agasallados polo concello e pola Asociación Cultural Arumes con un bolígrafo conmemorativo e un libro. Logo de unha moi detida e prolongada reflexión, a idea orixinal gañadora foi a do alumno Hugo Otero Fernández, da parroquia de San Xoán do Corgo.A partir desta proposta, que ten un megáfono como icona principal, o deseñador gráfico de La Voz de La Verdad ofreceunos unha interpretación renovada, colorida e atraente, que pasará a identificar graficamente o Proxecto CORGORAL: recompilación e salvagarda do patrimonio cultural inmaterial no concello do Corgo (contos, lendas, cantigas, festividades cíclicas, oficios tradicionais…). Aproveitamos para lembrar a todas as persoas que queiran colaborar nestas recollas que se poden poñer en contacto connosco no teléfono 676-862-924 ou no correoproxecto.corgoral@gmail.com

{gallery}CEIP O CORGO{/gallery}

 

Ler Máis

O CONCELLO DO CORGO PRESENTA AS BASES PARA A RECOLLA DA SUA TRADICIÓN ORAL

A área municipal de cultura presenta as bases da proposta para a recolla da Literatura Popular de Tradición Oral do Concello do Corgo. O texto, elaborado polo antropólogo Lois Ladra, foi incluído no último número da revista Lvcensia, presentado onte na Aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo. O acto público foi realizado con aforo limitado e seguindo estrictos protocolos sanitarios. O documento, que servirá de referente para a salvagarda do noso Patrimonio Cultural Inmaterial, leva por título: “O Proxecto CORGORAL. Unha proposta para a recolla da Literatura Popular de Tradición Oral no concello do Corgo” e xa se pode descargar na páxina web do concello. Aproveitamos para lembrar a todas aquelas persoas interesadas en recibir esta publicación e que queiran colaborar coa iniciativa cultural poden poñerse en contacto connosco no teléfono 676-862-924, ou no correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com.

Por outra banda, ao longo dos vindeiros días será dado a coñecer púbicamente o resultado do Concurso de debuxo escolar para a escolla do logotipo do Proxecto CORGORAL, realizado entre os escolares do ensino primario do CEIP Plurilingüe do Corgo.

PROXECTO CORGORAL. Unha proposta para a recolla da Literatura Popular de Tradición Oral no concello do Corgo

Ler Máis

O CONCELLO DO CORGO CELEBRA O DÍA DAS LETRAS CON UNHA EDICIÓN ESPECIAL

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, a área municipal de cultura publica, en colaboración coa Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo e coa revista Lvcensia, un documento histórico, coas bases programáticas do actual proceso de salvagarda do noso Patrimonio Cultural Inmaterial: “O Proxecto CORGORAL. Unha proposta para a recolla da Literatura Popular de Tradición Oral no concello do Corgo”. Esta publicación será distribuída gratuitamente entre os membros da comunidade escolar corguesa e tamén estará dispoñible en formato PDF para a súa descarga directa na nosa páxina web a partir do mércores 26 de maio. Todas aquelas persoas e institucións interesadas en recibir esta publicación e que queiran colaborar coa iniciativa cultural poden poñerse en contacto co Proxecto CORGORAL no teléfono 676-862-924, ou no correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com.

Por outra banda, ao longo da Semana das Letras Galegas será dado a coñecer o nome do alumno ou alumna do CEIP Plurilingüe do Corgo gañador ou gañadora do concurso de diseño do logotipo oficial do proxecto e procederase á entrega de agasallos a todos os escolares que participaron coa achega de diferentes propostas.

Ler Máis

O CORGO NO IV CONGRESO GALEGO DE ANTROPOLOXÍA. PROXECTO CORGORAL.

 

 

A Asociación Galega de Antropoloxía AGANTRO celebrou en formato telemático o pasado venres 23 de Abril o IV Congreso Galego de Antropoloxía, baixo o lema “Da Xeración Nós á Nova Antropoloxía Galega”. Participaron nesta sesión telemática máis de corenta especialistas, dos que unha ducia presentaron diversas experiencias e proxectos de investigación. E o Concello do Corgo estivo representado neste congreso coa comunicación do antropólogo Lois Ladra titulada “O Proxecto CORGORAL: documentar o Patrimonio Cultural Inmaterial en tempos de pandemia”. O que se pretendeu neste primeiro encontro internacional no que foi presentado nun foro científico o Proxecto CORGORAL foi amosar a grande riqueza patrimonial do municipio corgués e a súa enorme potencialidade como base territorial para o desenvolvemento dun proxecto cultural pioneiro no ámbito municipal galego. Aproveitamos para lembrar a todos os interesados que queiran colaborar con esta iniciativa que poden poñerse en contacto co Proxecto CORGORAL no teléfono 676-862-924, de luns a venres, de 09:00 a 17:30 ou no correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com

PROXECTO CORGORAL NO PROGRAMA IV CONGRESO GALEGO DE ANTROPOLOXÍA

Ler Máis

Chamamento público para o proxecto CORGORAL. Recopilación de revistas da escola.

Desde o Proxecto CORGORAL (proxecto.corgoral@gmail.com) estamos a tentar crear un repositorio dixital completo da prensa escolar elaborada polo alumnado do concello do Corgo ao longo dos últimos corenta anos. Ata agora conseguimos arranxar diversos exemplares impresos das revistas Cousas da Escola (CEIP do CORGO) e A Voz da Escola (CPI Ramón Piñeiro). Mesmo así, aínda nos faltan bastantes números e queremos facer un chamamento público a todos aqueles que aínda teñan algún exemplar por casa e queiran colaborar coa dixitalización e recuperación desta importante manifestación do noso patrimonio cultural.

Pedimos a quen teña algún destes números que se poña en contacto co responsable do Proxecto CORGORAL (Lois, telf. 676-862-924) ou co Centro Sociocultural do Corgo (Rocío, Telf. 620731543):

Cousas da Escola: fáltannos todos os números publicados entre 1980 e 2002.

A Voz da Escola: todos os números publicados entre 1981-1985 e os de 1994, 1998 e 2002.

Moitas grazas a tod@s pola vosa axuda e colaboración!!!

Ler Máis

PROXECTO CORGORAL: Literatura de Tradición Oral e Patrimonio Cultural Inmaterial no Concello do Corgo

O Concello do Corgo vén de contratar un técnico para facer a recolla, transcrición, estudo e clasificación da Literatura Popular de Tradición Oral e do Patrimonio Cultural Inmaterial. Durante os meses de Xaneiro e Febreiro, as liñas mestras do “Proxecto CORGORAL están a ser presentadas á corporación e aos traballadores municipais, aos centros escolares e a diversas asociacións culturais.  Ao longo deste ano 2021 serán feitas numerosas entrevistas aos maiores e ás persoas que gardan os tesouros da nosa rica tradición oral: cancións, contos, lendas, romances, coplas, refráns, adiviñas, oracións, responsos… Tamén se recollerán os coñecementos relacionados cos oficios artesanais (muiñeiros, carpinteiros, pedreiros…), cos nomes da terra (microtoponimia) e coas celebracións comunitarias (festas, romarías…).

Todos os interesados en colaborar con esta iniciativa cultural poden poñerse en contacto con Lois Ladra, no teléfono 676-862-924 de luns a venres de 09:30 a 15:30 ou no correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com

Ler Máis