Unha escola no rural, cos servizos e as ofertas que o alumnado e as familias de hoxe precisan. Somos unha escola pública que dende hai 42 anos está en constante cambio ao ritmo dos cambios da vida mesma. Nestes últimos anos a renovación foi total, tanto dende o punto de vista estrutural e funcional, como en relación ao ámbito académico, un feito que nos fai seguer á vangarda e andar cos tempos. O noso centro foi o primeiro da provincia en traballar no plan do plurilingüismo, o que nos permite contar cunha/cun asistente de lingua. As clases de Plástica impártense en Inglés, ademáis de reforzar horas na propia asignatura de lingua inglesa.
A biblioteca conta cunhas instalacións totalmente reformadas e cun fondo bibliográfico en constante renovación, así como cun espazo para lectura informal, un espazo para xogos de mesa, proxector e ordenadores, que permiten realizar diferentes actividades transversais e interactivas co obxectivo de acadar unha educación inclusiva.
O claustro está composto por 13 profesores entre os que se atopan especialistas en Inglés, Educación Física, Música, Informática, Educación Infantil, Educación Primaria, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientadora. Contamos cunha intérprete de signos, unha coidadora, unha conserxe, unha cociñeira e unha asistente de cociña que preparan os menús día a día, proporcionándolle ao noso alumnado unha alimentación saudábel, así como a colaboración de 6 nais e pais para o servizo de comedor.
Por outra banda, o centro ofrece o programa de madrugadores dende as 7.45 da mañá, hora en que as familias poden deixar aos rapaces e rapazas ao cargo de coidadores especializados.
No noso centro foméntase a relación do alumnado coa contorna natural, con amplos e variados espazos para os períodos de lecer ou para impartir clases ao aire libre. Tamén contamos cunha nova pista adicada aos xogos tradicionais, dúas pistas polideportivas, xardín infantil, espazo para xogos de mesa e un bibliopatio.