O concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, tamén pretende recompilar todo tipo de fontes documentais relacionadas coa historia do noso municipio e das súas xentes. Procúrase, deste xeito, conformar progresivamente un repositorio no que se tornen accesibles, a través da súa dixitalización, diversos documentos antigos. Con este propósito e grazas á colaboración do Arquivo Diocesano de Lugo, tamén se organizaron obradoiros de iniciación á lectura e interpretación de fontes documentais.
Agora tornamos mais doado o acceso a varios documentos que poden ser vistos, lidos e descargados por todas as persoas interesadas, entre os que se inclúen antigos foros, vontades testamentarias, preitos, selos municipais, cupóns de racionamento de alimentos, cabeceiras de xornais…
Na medida en que os particulares contacten connosco e nos vaian cedendo novos documentos para a súa dixitalización, irémolos subindo a este portal. Agradecemos a vosa colaboración para salvarmos do esquecemento estas amostras do noso patrimonio documental.