Imprimir esta página
A WEB DO CONCELLO DO CORGO ESTREA UNHA NOVA SECCIÓN CO PROXECTO CORGORAL
19 Xul

A WEB DO CONCELLO DO CORGO ESTREA UNHA NOVA SECCIÓN CO PROXECTO CORGORAL

Desde hai pouco mais de unha semana, a páxina web oficial do Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten aberto unha nova sección titulada “Memoria do Corgo”, coa seguinte ligazón de referencia para todas as persoas que nos queiran coñecer ou visitar virtualmente: https://www.concellodocorgo.com/index.php/corgoral.html

Neste apartado estamos a subir numerosos contidos relacionados co noso termo municipal e coas nosas parroquias, aldeas e lugares. Aínda estamos en fase de probas e certamente temos que mellorar moitas cousas, pero o que nos move é a ilusión por ofrecervos en diversos formatos imaxes, textos e gravacións en audio e vídeo que sirvan de base para conformar pouco a pouco un futuro milladoiro de lembranzas corguesas. Aquí atoparedes textos, fotos, cantigas, documentais, libros, revistas, xornais, mapas... Como dicía Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela: hai sitio para todos”.

Trátase, coma sempre, dun proxecto público, aberto e colaborativo, no que agradecemos todas as vosas achegas, ideas e opinións. Podedes enviar o que vos pareza interesante a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou poñervos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.