Varios son os documentos audiovisuais nos que se rexistraron diversos aspectos do termo municipal corgués, ben no seu conxunto, ben no relativo a algunhas das súas aldeas, parroquias e veciños. O certo é que non son moitos os vídeos que coñecemos actualmente, pero si nos consta que, ademais de certos programas televisivos xa emitidos, existen recollas e mesmo algunhas iniciativas particulares inéditas, que corren perigo de perderse co devalar dos anos.
Desde o Proxecto CORGORAL estamos a tentar recuperar varios documentos audiovisuais para poñelos a libre disposición, consulta e visualización pública. Agradecemos a todas as persoas e institucións a cesión libre e desinteresada deste tipo de documentos. En vindeiras datas iremos subindo a este portal outras gravacións de interese para todos os que queiran saber mais do noso concello. Así que xa sabedes: aquí agardamos polos vosos vídeos e polas vosas achegas!
O Proxecto CORGORAL, en colaboración coa sección de Literatura Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega realizou un encontro cos veciños no que as persoas que participaron narraron diversas historias relacionadas co concello do Corgo. Os vídeos editados pódense ver nesta ligazón á Polafía Proxecto CORGORAL – Memoria do Corgo:https://www.aelg.gal/Polafias/ShowPolafia.do?id=50